Lei 10/1983,
do 9 de decembro, reguladora do Consello Asesor de RTVE en Galicia
Exposición de motivos O artigo 34.1 do Estatuto de Autonomía para Galicia establece
a competencia da Comunidade Autónoma galega para o desenvolvemento
lexislativo e a execución do réxime de radiodifusión
e televisión nos termos e casos establecidos no Estatuto da Radio
e da Televisión.
Así mesmo, o artigo 34.3 e a disposición transitoria sexta
do estatuto de Autonomía sinalan que a Comunidade Autónoma
poderá regular, crear e mante-la súa propia televisión,
radio e prensa e que, ata a posta en funcionamento en efectivo da terceira
canle de televisión, RTVE haberá de articular, a través
da súa organización en Galicia, un réxime transitorio
de programación específica para o territorio de Galicia
que Televisión Española emitirá pola segunda cadea.
Por outra banda, o vixente Estatuto da Radio e a Televisión establece
no artigo 14.2 que cadansúa Comunidade haberá de ter un
Consello Asesor, nomeado polo Goberno da Comunidade Autónoma e
terá unha composición determinada por lei.
Este Consello Asesor ofrece unha dobre vertente: unha, en canto que é
representante dos intereses da comunidade Autónoma en RTVE, e outra,
en canto se constitúe o órgano asesor do Delegado territorial
de RTVE na Comunidade Autónoma; pero, á vez, é un
órgano designado pola propia Comunidade, representativa dos seus
intereses, e tal postestade de nomeamento leva implicadas certas facultades
normativas que respecto a el corresponden á Comunidade Autónoma
en canto ó Consello é un órgano integrador e canle
de participación dentro do marco do Estatuto de Radio e a Televisión.
Polas devanditas razóns, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de
conformidade co artigo 13. 2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da
Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente,
promulgo, en nome de El-Rey, a Lei reguladora do Consello Asesor de RTVE
en Galicia.
Capítulo
I Ámbito de aplicación
Artigo 1º De acordo co establecido no artigo 34.1 do Estatuto de Autonomía
para Galicia e mais no artigo 14.2 do Estatuto da Radio e a Televisión,
créase con esta denominación oficial a tódolos efectos,
o Consello Asesor de Radio e Televisión Española en Galicia,
que se rexerá polos precpetos contidos nesta lei.
Capítulo
II Funcións
Artigo 2º O Consello Asesor ten as seguintes funcións
A) Asesorar ó Delegado Territorial de RTVE sobre a proposta de
programación específica e de horario de Radio e Televisión
en Galicia que este haberá de elevar ó Director Xeral de
Radio e a Televisión, de acordo co artigo 15 do Estatuto da Radio
e televisión. As reocmendacións do Consello Asesor acompañarán,
en todo caso, á proposta que o Delegado Territorial eleve ó
Director Xeral de RTVE.
B) Estudiar e formula-las recomendacións sobre as necesidades e
capacidades de Galicia para acada-la axeitada descentralización
dos servicios de radio e televisión e en especial da Sociedade
Estatal de Radio Cadena Española (RCE), conforme ó establecido
no artigo 14.2 do Estatuto de Radio e Televisión.
C) Facer chegar ó Consello de Administración de RTVE, a
través do delegado territorial, os criterios de asesoramento que,
dentro da súa competencia, sexan considerados idóneos para
que se apliquen no ámbito da comunidade autónoma os dereitos
recoñecidos nos artigos 8 e 24 do estatuto RTVE.
D) Coñecer con antelación suficiente para poder formular
observacións ós plans anuais de traballo, os anteproxectos
de presupostos e as memorias anuais de RTVE en Galicia, e das súas
sociedades.
E) Emitir parecer ó director Xeral de RTVE no tocante ó
nomeamento do Delegado Territorial de Radio Televisión Española
en Galicia.
F) Asesorar e asistir directamernte ó delegado Territorial de RTVE
en todas cantas cuestións afecten á recepción e cobertura
en Galicia dos programas que emitan, así como a financiación
dos mesmos e, en xeral, a tódalas cuestións relativas ás
competencias que ten de seu.
G) Informar ó Delegado Territorial sobre o cumprimento na programación
dos principios establecidos no artigo 4 do Estatuto de Radio e a Televisión,
así como a correcta execución das resolucións e acordos
ós que poida dar lugar a aplicación do apartado a) deste
artigo.
H) Emitir pareceres antes do nomeamento dos representantes que correspondan
á Comunidade Autónoma de Galicia nos Consellos Asesores
de RNE, RCE e TVE, conforme ó perceptuado no artigo 9 do Estatuto
de Radio e a Televisión.
I) Elevar ó Consello de Administración de RTVE, a través
do Delegado Territorial en Galicia, ou co seu coñecemento, as recomendacións
que coide oportunas en defensa dos intereses da Comunidade Autónoma.
Artigo 3º O Consello Asesor de RTVE en Galicia, informará e asesorará
ó Delegado Territorial, sen perxuizo do establecido no Estatuto
de Radio e Televisión sobre:
A) A composición e modificación dos cadros de persoal de
RTVE.
B) Os criterios de selección de persoal, baseados en principios
de igualdade, capacidade e méritos.
C) Os criterios de adscrición de destino e a regulación
das condicións de traspaso ou traslado de persoal, cando estas
afecten ó cadro do mesmo de RTVE en Galicia.
Artigo 4º O Consello Asesor de RTVE en Galicia adoptará os procedementos
adecuados para coñece-lo estado dos servizos e será informado
da opinión dos usuarios de RTVE no ámbito territorial da
Comunidade Autónoma Galega.
Artigo 5º O Consello Asesor, por medio do seu Presidente, pode solicitar
ser informado, polos órganos e persoas competentes, das cuestións
relacionadas cos asuntos sometidos á súa consideración
e estudio.
Artigo 6º. 1. O Consello Asesor de RTVE en Galicia ten como función
específica o estudio e seguimento de RTVE polo que se refire á
adecuación ó réxime autonómico.
2. Asimesmo, elaborará anualmente unha memoria que recolla os acordos
adoptados, a situación dos medios e as actuacións que o
ente público RTVE levará a cabo en Galicia. Esta memoria
será elevada ó Parlamento de Galicia, á Xunta de
Galicia e ó Delegado Territorial de RTVE.
Capítulo III
Financiación
Artigo 7º 1. O Consello Asesor formulará a través do Delegado
Territorial de RTVE en Galicia e para que se considere a súa inclusión
no presuposto do ente público RTVE, a relación das partidas
necesarias para entende-lo seu funcionamento.
2. O presuposto da comunidade autónoma galega incluirá as
partidas necesarias para cubri-los gastos que non sexan financiados polo
presuposto de RTVE.
Capítulo
IV Composición e funcionamento
Artigo 8º 1. O Consello Asesor de RTVE en Galicia constará de trece
membros, designados polo Parlamento de Galicia tendo en conta a representación
de tódolos grupos parlamentarios e nomeados pola Xunta para a Lexislatura
correspondente.
A designación farase en proporción ó número
de deputados de cada Grupo Parlamentario segundo a relación de
cocientes e o cómputo de restos de acordo co sistema de maior medida
sobre o total dos membros do Parlamento.
Unha vez rematada a lexislatura, o Consello Asesor cesante continuará
as súas funcións ata que os novos membros tomen posesión
do cargo.
2. Se se producisen vacantes, cubriranse de acordo co establecido no apartado
1 dese artigo e polo tempo que quede de mandato.
3. A condición de membro do Consello Asesor é incompatible
con calquera vinculación directa ou indirecta a empresas publicitarias,
empresas de producción de programas filmados, radiofónicos
ou rexistrados en magnetoscopios, casas discográficas ou a calquera
entidade relacionada co fornecemento ou dotación de material de
programas de RTVE e as súas sociedades. Tamén é incompatible
con todo tipo de prestación de servicios ou relación laboral
en RTVE e as súas sociedades.
4. A incompatibilidade dos membros será apreciada coa maioría
absoluta do Parlamento.
Artigo 9º 1. O Consello Asesor elixirá de entre os seus membros un
presidente e un vicepresidente polo periodo dun ano. Para a súa
elección, cada membro do Consello asesor escribirá un so
nome nunha papeleta, e sairán elixidos presidente e vicepresidente,
por orde de voto, ou dos que obtivesen maior número deles.
2. O presidente ostenta a representación legal do Consello Asesor.
O vicepresidente sustituirao, a tódolos efectos, en caso de vacante,
ausencia ou enfermidade.
3. Tamén o Consello Asesor elixirá por maioría un
secretario, coas funcións propias do cargo.
Artigo 10º 1. O Consello Asesor será convocado polo presidente, ben
a iniciativa propia, ou a petición dunha terceira parte dos seus
membros, ou do delegado territorial de RTVE. O Consello Asesor haberá,
cando menos con carácter ordinario, de reunirse unha vez cada tres
meses; as sesións e reunións do Consello Asesor efectuaranse
onde estea o domicilio a organización territorial de RTVE en Galicia,
sen perxuizo de que por propia decisión do Consello poidan celebrarse
circunstancialmente en calquera outro lugar da Comunidade Autónoma.
2. A convocatoria haberá de facerse cando menos con corenta e oito
horas de antelación, agás por causas excepcionais, e farase
constar o lugar, a data, a hora e tamén a orde do día, que
só poderá ser modificada pola vontade da maioría
dos membros de Consello.
Artigo 11º 1. O Consello Asesor quedará validamente constituído
en primeira convocatoria cando estean presentes a metade máis un
dos seus membros, incluíndo o presidente ou quen faga as funcións.
En segunda convocatoria, que terá lugar logo de vintecatro horas,
quedará validamente constituído for cal for o número
de asistentes. A sesión comezará coa lectura da orde do
día a cargo do secretario e coa aprobación, se procede,
da acta da sesión anterior.
2. Agás nos casos establecidos especificamente nesta Lei, os acordos
son tomados por maioría. En caso de empate, decidirá o voto
de quen presida.
Artigo 12º
Ás sesións do Consello Asesor poderá asisti-lo Delegado
Territorial de RTVE, con voz pero sen voto.
Artigo 13º En tanto non sexan aprobadas as partidas presupuestarias ás
que fai referencia o artigo 7, habilitaranse os créditos precisos
para o funcionamento do Consello Asesor.
Disposicón Transitoria primeira
O Consello Asesor constituirase no prazo máximo dun mes a partir
da entrada en vigor desta Lei.
Disposición transitoria segunda
No prazo máximo de tres meses a partir da constitución do
Consello Asesor, a Xunta de Galicia, a proposta do propio Consello, aprobará
o Regulamento de execución e desenvolvemento da presenta Lei.
Santiago, 9 de decembro de 1983
Gerardo Fernández Albor
Presidente
Anexo
MANUAL NORMATIVO
DE RÉXIME INTERNO DO CONSELLO ASESOR DE RADIO E TELEVISIÓN
ESPAÑOLA EN GALICIA Artigo 1.3.
Con carácter non permanente –namentres non se constitúa
o Consello Asesor da Compañía de Radiotelevisión
de Galicia e as súas sociedades, establecido por Lei 9/1984, do
11 de xullo, da creación da CRTVG, publicado no DOG num. 148, do
3 de agosto de 1984- o Consello Asesor da CRTVE en Galicia asume tamén
as funcións específicamente previstas na devandita Lei para
o Consello Asesor da CRTVG e as súas sociedades, de acordo co establecido
na disposición transitoria da devandita Lei.