Contratación Internacional de series TVG

Despois das operacións realizadas en Portugal, Polonia, Irán e Iraq, “Serramoura” chega este mes ás pantallas da televisión en Rusia e foi vendida tamén ao canal latino VM de Estados Unidos

A Televisión de Galicia está a apostar pola distribución internacional e o próximo fito será a serie luso-galaica “Vidago Palace” actualmente en rodaxe

Canles de Estonia, Dubai, Emiratos Árabes Unidos ou Singapur emitirán proximamente producións como “Hospital Real” ou a miniserie “O Códice”

 Santiago, 20.10.2016.-      Seis series promovidas pola TVG entre o sector audiovisual galego, e emitidas na Televisión de Galicia, foron contratadas no mercado internacional nos dous últimos anos. O medio público, en aplicación das súas liñas estratéxicas, está a apostar e apoiar a distribución internacional dos seus produtos audiovisuais, o último deles a serie “Serramoura” que chega este mes á Rusia.

           “Serramoura”, unha das series máis populares da Televisión de Galicia, poderá verse a partir do próximo 25 de outubro en Rusia. A AXN SciFi, nome comercial co que opera a plataforma de Televisión da multinacional Sony, adquiriu os dereitos de emisión da produción galega. Rodada en Galicia e en galego, “Serramoura” está sendo dobrada actualmente ao ruso en Moscova.

A serie, que se comercializa internacionalmente como “Black Forest”, emitirase en Rusia baixo o título “Chernyy Les”. “Serramoura” foi vendida así mesmo á canle latina VM nos Estados Unidos. Actualmente, a Televisión de Galicia está a emitir, todos os domingos pola noite, a terceira temporada de “Serramoura”, cun grande éxito de audiencia. A ficción volveu á canle pública este mes, cunha audiencia media de 123.000 espectadores na súa primeira emisión, cunha cota de pantalla do 13%.

Ademais de “Serramoura”, outros produtos da televisión pública galega estanse a emitir no estranxeiro. Así, no 2015, a RTP, a televisión pública portuguesa, fíxose cos dereitos para emitir a serie da TVG “Hospital Real”, e a miniserie “O Códice”, coproducida pola Galega, tamén para a súa emisión en aberto no país veciño.

Recentes negociacións fixeron posible que “Hospital Real” vaia chegar tamén a destinos como Estonia, Dubai e aos Emiratos Árabes Unidos, e que a miniserie “Códice” se emita proximamente en Lituania e Singapur.

O achegamento entre a TVG e a RTP pon de manifesto a estreita colaboración e intereses comúns que existen entre ambas as dúas televisións, que están actualmente a coproducir unha nova serie de corte histórico, “Vidago Palace”, que empezou a gravarse este mes de outubro no balneario de Vidago (Portugal) e que xa ten asinado un acordo de distribución internacional e prevendas a canles de Italia e Polonia. Ademais de promover no exterior os seus contidos e os do sector audiovisual galego, a canle pública galega leva desenvolvido xa varios programas en directo en colaboración coa RTP, que permitiron emitir desde Galicia o mesmo espazo para os dous territorios.

Tamén a popular serie de animación da TVG “Os Bolechas” emítese desde o 1 de xaneiro de 2015 na RTP baixo o título “Os Bochechas”, pois así son coñecidos no país veciño os irmáns creados por Pepe Carreiro. Isto supuxo, ademais, a introdución dos Bolechas no continente africano, pois a canle pública difunde a serie tamén a través de RTP África.

 

 “O Faro”, vendida para emitirse en Oriente Medio

Outra serie da Televisión de Galicia, “O Faro”, foi vendida en 2015 ao grupo de comunicación iraniano Gem TV para ofrecerse pola canle Rubix TV, en países como Irán e Iraq. Ademais, a mesma serie foi vendida á distribuidora Tanweer Universe para a emisión en Grecia. “O Faro” é a primeira ficción de emisión diaria promovida conxuntamente pola maioría das canles autonómicas agrupadas en FORTA–Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicas-, producida por Atlántida Media e gravada integramente na contorna de Santiago de Compostela, obtendo destacados índices de audiencia.

 

A televisión rexional de Polonia emite “Terra de Miranda”

En xullo de 2015, TVP Regionalna, a organización que agrupa 16 estacións de televisión pública rexional en Polonia, chegou a un acordo coa Televisión de Galicia para mercar os dereitos de emisión da serie “Terra de Miranda”, a cal xa tivo presenza nas pantallas dese país. “Terra de Miranda”, produción de Zopilote e Voz Audiovisual para a Televisión de Galicia, comezou a emitirse no ano 2001 e pechou o seu exitoso percorrido na canle autonómica en 2007, seis anos e 138 episodios durante os que esta comedia costumista obtivo o favor da audiencia.