Acordo plenario diante da anunciada disolución legal deste Consello Asesor por parte do Parlamento de Galicia

O pleno extraordinario do Consello Asesor de RTVE e en funcións da CRTVG vén de tomar coñecemento de que no día de onte foi aprobada no Parlamento de Galicia a Lei de medidas fiscais, administrativas e de ordenación –que entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia-, cuxa disposición derrogatoria terceira ditamina:

“Queda derrogada a Lei 10/1983, de 9 de decembro, reguladora do Consello Asesor de RTVE en Galicia e queda disolto o Consello Asesor de Radio e Televisión Española en Galicia”.

De acordo co artigo 25.4 do Regulamento de Réxime Interno do Consello Asesor, o patrimonio deste organismo pasará, unha vez entre en vigor a nova lei, “a ser propiedade da Xunta de Galicia”, en concreto da Secretaría Xeral de Medios de Comunicación “en razón –como tamén sinala o devandito artigo- da súa aportación, practicamente en exclusiva, dos recursos económicos que veñen permitindo o funcionamento do Consello”.

Vistas estas disposicións, o pleno do Consello Asesor, reunido hoxe de xeito extraordinario, dá por coñecida a súa disolución e traslada á Xunta de Galicia o acordo unánime para solicitar ás Secretarías Xerais de Medios e de Política Lingüística que asuman a convocatoria anual dos Premios de Publicidade en Galego.

Consideramos que a extinción do Consello non debe supor a desaparición destes galardóns, que son únicos no seu xénero, contan con 24 anos de antigüidade e supoñen un respaldo e un recoñecemento a aqueles que apostan pola lingua galega para difundir as súas mensaxes publicitarias, nun chanzo máis cara á plena normalización lingüística.