Universidade de Vigo, Estrella Galicia e Gadis, gañadores dos XXIII Premios de publicidade en galego

Os reclamos publicitarios “Fai historia con nós”, “Fogar de Estrella Galicia” e “En confianza”, da UNIVERSIDADE DE VIGO, ESTRELLA GALICIA e GADISA, respectivamente, foron os gañadores da XXIII edición dos premios de Publicidade en Galego que cada ano convoca o Consello Asesor de RTVE en Galicia e da CRTVG, en funcións.

Ao acto de entrega dos galardóns asistiron a vicepresidenta 1ª do Parlamento de Galicia, Marta Rodríguez Arias, a vicesecretaria do Parlamento de Galicia, Concepción Burgo López, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o presidente do organismo convocante, Xosé Miguel Alonso Boó, a Concelleira de Igualdade, desenvolvemento económico e turismo do Concello de Santiago de Compostela, Marta Lois González e o presidente da comisión de control da CRTVG do Parlamento de Galicia, Aurelio Núñez Centeno.

O desenvolvemento do acto foi conducido pola presentadora de TV, Natalia Penas.
Os premios, que foron outorgados por maioría do xurado, reunido o pasado 11 de abril en Santiago, tamén recaeron na axencia IDEA CREATIVIDAD Y COMUNICACION, a axencia BAP & CONDE e a axencia NASAS, tanto en radio coma en televisión, empresas creativas da web de Internet da UNIVERSIDADE DE VIGO, cuña de radio encargada por ESTRELLA GALICIA e o spot televisivo para GADIS. O galardón, considerado como algo orixinal, único e de contrastado prestixio, foi creado en 1993 coa vontade de promocionar a realización de anuncios na nosa lingua, nun intre no que non era práctica habitual –nin sequera esporádica- facelo nos medios de comunicación.

Dos traballos que cada ano se presentan a concurso –este ano superouse, outra volta, o centenar- valóranse especialmente a súa orixinalidade e, por suposto, as súas calidades lingüísticas. Os orixinais que compiten son cuñas de radio, spots televisivos ou banners de internet.
En palabras do presidente do Consello Asesor “a razón de fondo destes premios está en que este certame está concibido arredor dun idioma propio, por cuxa viabilidade todos temos a obriga de velar. Todos temos a responsabilidade política e social de salvagardar e promocionar o galego, pois nel estamos todos nós, singularmente contidos e representados como pobo”.

Máis imaxes: